|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
A XXII Carreira Popular de Pontecesures terá lugar o domingo 15 de xaneiro e será solidaria con Cáritas |
27/12/2022.- NOVAS MUNICIPAIS O Concello de Pontecesures vén de convocar a XXII Carreira Popular de Pontecesures, que terá lugar o domingo 15 de xaneiro e que será solidaria con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. “Imos correr para axudar ás persoas que peor o están a pasar no actual contexto de crise económica que estamos a vivir”, explica a concelleira de Deportes, Laura Villar.
A proba está aberta a todas as persoas que desexen participar, con ou sen licenza federativa, e que formalicen a súa inscrición antes das 23:59 horas do 11 de xaneiro en www.emesports.es. O prezo será de 6 euros para as categorías júnior e máster, que serán doados integramente a Cáritas para colaborar na financiación de programas de emprego e inserción laboral.
No caso das categorías escolares, de biberóns a cadetes, as anotacións serán de balde, se ben é obrigatorio que se inscriban en www.emesports.es. “Ademais, todas as persoas que o desexe poden tamén colaborar mediante a achega de alimentos non perecedoiros o mesmo día do evento no punto de recollida solidaria, que se emprazará no recinto e que se serán entregados a Cáritas para comedores sociais”, sinala Laura Villar.
Haberá tamén un “Dorsal Solidario” para aquelas persoas que, por calquera circunstancia, non poidan correr nese día pero desexen colaborar na campaña. Terán a opción de anotarse na carreira e recibir un dorsal solidario personalizado por 6 euros, que serán doados integramente a Cáritas. Así mesmo, no momento de formalizar a inscrición, todas as persoas participantes terán a opción de facer un donativo a título persoal, aumentando o prezo da anotación.
Laura Villar lembra que “a totalidade da recadación obtida polas inscricións, os donativos dos corredores e a publicidade das empresas patrocinadoras será doada a proxectos de auxilio e protección a persoas participantes nos programas de emprego e comedores sociais de Cáritas, de modo que contribuiremos a facilitar ferramentas e recursos de primeira necesidade a usuarios e usuarias da contorna xa que o número de persoas que están a ver minorada a súa capacidade de subsistir dignamente non deixa de aumentar”.
Carreira
A XXII Carreira Popular de Pontecesures terá lugar entre as 11:00 e as 13:00 horas do domingo 15 de decembro nun circuíto urbano, con saída e meta na Plazuela. A entrega de dorsais realizarase na mesma praza a partir das 9:30 horas (en caso de choiva, no centro social). A proba dará comezo ás 11:00 horas coa carreira absoluta, onde as persoas participantes elixirán entre percorrer 4 ou 8 quilómetros. Ás 11:45 horas será a quenda dos infantís (sub 14) e cadetes (sub 18), que percorrerán 1,5 quilómetros. Os alevíns (sub 12) e os benxamíns (sub 10) afrontarán un percorrido de 1 km, ás 12:00 e 12:15 horas, respectivamente. Finalmente, os pitufos (nados en 2016/2017) e os biberóns (nados en 2018 e posteriores) percorrerán 450 e 150 metros, respectivamente, ás 12:40 e 12:40 horas.
O Concello de Pontecesures entregará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas no 4k e no 8k, categorías masculina e feminina, así como á persoas participante de máis idade de ambas modalidades. Os tres primeiros clasificados das categorías escolares recibirán medallas. Así mesmo, haberá premios en metálico para os clubs de 300, 200 e 100 euros, máis trofeos. Ademais, toda a rapazada participante nas categorías biberón e pitufo (de ata 6 anos) recibirán cadansúa medalla. Finalmente, todas as persoas que participen na proba recibirán cadansúa camiseta técnica.
|
|
|
|
|
|
|
|