|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
O Concello de Pontecesures inicia un plan especial de limpeza e saneamento de máis de 2 quilómetros de rúas do casco urbano |
02/03/2023.- NOVAS MUNICIPAIS O Concello de Pontecesures iniciou hoxe xoves 2 de marzo un plan especial de limpeza e saneamento viario das rúas do seu casco urbano. O alcalde, Juan Manuel Vidal Seage, explica que “nesta primeira fase imos actuar sobre as rúas con máis intensidade de tránsito de peóns e sobre aquelas que teñen un carácter máis comercial. Despois iremos limpando o resto das rúas adxacentes”.
Así, as tarefas de limpeza acometeranse na rúa central de Pontecesures: dende Portarraxoi ata a rúa Víctor García, pasando polas rúas Lois e Sagasta ata completar un total de 1.040 metros. Segundo vaian avanzando pola rúa central, as actuacións de limpeza estenderanse a zonas adxacentes como as travesías da Bandeira, da Feira do Automóbil e do Muelle ou as rúas Patifas, Otero Acevedo, San Lázaro, Nova, Rosalía de Castro, Castelao e Carlos Bóveda. Completarase a actuación coa limpeza da rúa a carón de Correos e detrás da piscina do Náutico, ata sumar un total de 2.069 metros de beirarrúas. Hoxe comezouse en Portarraxói e a travesía da Bandeira.
A limpeza acométese con medios manuais e mecánicos, incluída unha hidrolavadora con auga a presión, coa que se realizarán tarefas de barrido, baldeo e hidrolimpeza das beirarrúas, paseos, zonas peonís, alcorques e contornas dos contedores do lixo. “Farase especial fincapé na eliminación do verdín para evitar esvaróns e mellorarase de forma significativa a hixiene das rúas do casco urbano de Pontecesures”, sinala Vidal Seage, quen adianta que “despois poremos en marcha unha campaña especial de sensibilización entre a veciñanza para que nos axuden a manter limpas as rúas, tanto de lixo como de deposicións dos animais”.
Restricións de aparcamento
Durante a execución dos traballos, o Departamento de Vixilancia e Seguridade-Tráfico do Concello de Pontecesures recomenda non estacionar os vehículos nos tramos das rúas nos que estea sinalizado a realización dos traballos de limpeza. A razón é que a limpeza con auga a presión pode causar danos nos vehículos ao arrincar materiais que levan anos adheridos ás beirarrúas. Unha sinalización que se irá desprazando polos distintos tramos da rúa central entre Portarraxoi e Víctor García de acordo ao avance dos traballos.
Esta actuación especial vén complementar os labores de limpeza de todo o sistema viario por parte de persoal municipal que, en quendas distribuídas de luns a domingo barren as rúas e prazas do termo municipal.
|
|
|
|
|
|
|
|