|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora do saneamento de Pontecesures para atallar as verteduras ao rego Carreiras |
27/03/2023.- NOVAS MUNICIPAIS A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo de mellora do saneamento do municipio de Pontecesures para atallar as verteduras ao rego Carreiras. Este traballo, adxudicado á empresa Indrops Laboratorio de Análisis y Calidad Medioambiental S.L., forma parte da colaboración entre a Xunta e o Concello de Pontecesures para o desenvolvemento dun plan de actuación para mellorar o saneamento do municipio e eliminar o 90% dos vertidos ao río Ulla, cun investimento de 390.000 euros.
O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, celebra “o inicio da solución definitiva a unha eiva que levamos décadas arrastrando e que nos permitirá eliminar o 90% dos vertidos ao río Ulla. Unha actuación que non so redundará en beneficio dos veciños e veciñas de Pontecesures, senón de toda a ría de Arousa, pois comprobarán como a calidade das augas do Ulla mellora de xeito considerable grazas a este investimento”.
O contrato
A través do contrato que vén de ser adxudicado por importe de preto de 18.000 euros, Augas de Galicia traballará no proxecto construtivo de mellora do saneamento do municipio de Pontecesures para atallar as verteduras ao rego Carreiras. A través deste contrato deseñaranse as actuacións necesarias para executar un colector desde o núcleo de Carreiras ata o punto de conexión.
Para cruzar o Camiño do Regadío proxectarase o detalle para a execución dun colector mediante perforación horizontal dirixida, para salvar a diferencia de cota e as afeccións ao Camiño de Santiago. Deste xeito a zona de Carreiras enlazaría coa rede actual ata o bombeo de Telleiro, conectando á rede de saneamento 54 vivendas.
Neste mesmo contrato inclúese a preparación de documentación técnica para a tramitación de permisos, derivados do estudo de alternativas para mellorar a rede de saneamento do municipio. O obxectivo de Augas de Galicia é ter redactado o proxecto construtivo e poder iniciar a contratación destas obras a finais de ano, cuxo investimento se estima en arredor de 172.000 euros.
En canto á segunda actuación considerada prioritaria, prevese licitar a finais de 2023 a redacción do proxecto, para logo impulsar as obras, cun orzamento de 219.000 €. O plan de actuación previsto permitirá conectar á rede de saneamento no seu conxunto a 194 vivendas.
Segundo se vaia dispoñendo dos documentos supervisados, licitaranse as obras, asinando un acordo co Concello de Pontecesures para o financiamento, comprometéndose a Xunta a achegar o 80% do custo. Ademais, o estudo realizado recolle outras actuacións de menor envergadura que pode executar directamente o Concello e permitirán sanear a totalidade das concas dos citados regos.
Antecedentes
E é que, para axudar ao Concello de Pontecesures nas súas competencias municipais de saneamento e depuración, a entidade hidráulica da Xunta realizou un estudo da rede de saneamento municipal nas concas dos regos Chancelas e Carreiras co obxectivo de detectar os problemas actuais e definir as intervencións precisas para atallar os vertidos ao Ulla.
Este estudo permitiu localizar as zonas máis conflitivas da rede, inventariar a parte de conducións máis descoñecida, inspeccionar o seu estado e ter unha idea cuantitativa do caudal que poderían achegar á depuradora as conexións necesarias para evitar os vertidos co fin de verificar que a estación depuradora de augas residuais ten capacidade suficiente para o seu correcto tratamento.
Despois destes primeiros traballos, definiuse e activouse un plan de actuacións que recolle dúas intervencións prioritarias: unha primeira na zona de Carreiras, para tratar de evitar os vertidos ao rego Carreiras, e outra na zona da avenida dos Namorados e do Porto de Arriba. Este plan foi presentado a finais de febreiro pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
|
|
|
|
|
|
|
|