|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
Clausurados os Campamentos de Verán 2023 de Pontecesures, nos que participaron unha media de 52 crianzas |
31/08/2023.- NOVAS MUNICIPAIS Os corenta nenos e nenas que participan na cuarta e derradeira quenda dos Campamentos de Verán 2023 do Concello de Pontecesures celebraron esta mañá unha gran festa de fin de actividade. Un evento celebrado nas instalacións anexas ao pavillón polideportivo municipal e na que tomaron parte o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Alberto Rivas; e a concelleira de Igualdade e Medioambiente, Pilar García Dios.
A festa consistiu nunha gran Feira Medieval, polo que moitos dos nenos e nenas acudiron disfrazados. Deste xeito, os Campamentos de Verán de Pontecesures daban continuidade ás “viaxes no tempo” que desfrutaron os nenos e nenas participantes e que os levou a coñecer culturas como a cavernícola, a castrexa, a exipcia e o medievo.
Alberto Rivas e Pilar García destacaron que estes Campamentos de Verán 2023 son unha iniciativa coa que o Concello de Pontecesures pretende promover a igualdade, a corresponsabilidade e a socialización entre as crianzas ao tempo que lles ofrece ás familias a posibilidade de compaxinar a vida familiar e laboral. Uns campamentos nos que participaron unha media de 52 nenos e nenas ao longo de catro quendas.
|
|
|
|
|
|
|
|