Concello de Pontencesures Concello de Pontecesures
 O CONCELLO      TURISMO      MULTIMEDIA       ACTUALIDADE           inicio | portada
 
Banner Seccion
icono menu Seccións
» Novas Municipais
» Eventos e Actividades
» Prazos e Convocatorias
» Bandos municipais
 
 
icono menu Buscador de Novas
 Buscar Novas...
 
Mes: Ano:
L
M
X
J
V
S
D
   
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
       
  Día con Novas
 
 


Actualidade » Novas Municipais

 

Bases e convocatoria para a concesión de axudas de apoio á escolarización, curso 2023-24


Ampliar Foto...
16/10/2023.- NOVAS MUNICIPAIS   Voltar Páxina Anterior ... Enviar por e-mail... Versión para Imprimir ...

Pontecesures



BASES E CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS DE APOIO
Á ESCOLARIZACIÓN, CURSO 2023-24

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b e 20.8.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de Datos Nacional de Subvencións (https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/720693)

1. OBXECTO

O obxecto da convocatoria é o establecemento dunha axuda económica de pago único, destinada a afrontar os seguintes gastos:

Para o 2º ciclo de Ensino Infantil: libros de texto, material escolar e vestiario, cunha contía máxima de 100€/menor.

Para o alumnado de Ensino Primario e Secundario: os gastos en material escolar, material informático e vestiario que xera o inicio do curso escolar nun importe máximo de 80€/menor.

Entenderase por material escolar o necesario para realizar as actividades que se desenvolvan ou se promovan no centro docente, como cadernos de soporte, material de papelería non reutilizable ou material de manualidades, excluíndo expresamente os libros de texto, no caso do ensino primario e secundario e en todo caso que o material sexa para uso exclusivo do menor.

2. FINALIDADE

A finalidade da axuda é a de promover o acceso ao ensino en condicións de igualdade e previr o risco de fracaso escolar, dos menores de familias con escasos recursos económicos, contribuíndo ao financiamento dos gastos de libros de texto, material escolar e dotación de vestiario e equipamento que xera o inicio do curso escolar.

3. CONTÍA E COMPATIBILIDADE CON OUTRAS AXUDAS

O importe da subvención corresponderase co importe total de adquisición dos libros e o material escolar ou equipamento solicitado para cada alumna/o e ata unha cantidade máxima de 100€/menor para o 2º ciclo de Ensino Infantil e de 80€/menor para alumnado de Ensino Primario e Secundario.

No caso de que o número de solicitudes (que cumpran os requisitos) sexa superior ao número de axudas previsto segundo o límite orzamentario, concederanse aos que acaden maior puntuación na baremación das solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible

Serán compatibles estas axudas con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes doutras Administracións ou entes públicos ou privados, sempre que o importe global das subvencións outorgadas non sexa superior ao 100% do gasto. As persoas beneficiarias das subvencións deberán comunicar ao Concello todas aquelas axudas solicitadas, as concedidas, e o importe das mesmas.

4. DOTACIÓN ORZAMENTARIA

O crédito máximo destinado ao financiamento destas axudas ascende a 2.000,00 €, con cargo á aplicación de gastos 231.48 “A familias e institucións sen fins de lucro. Asistencia social primaria” do Orzamento do ano 2023.

5. PUBLICIDADE DA CONVOCATORIA

A publicación das presentes bases e convocatoria, así como a resolución das axudas realizarase na sede electrónica municipal (pontecesures.sedelectronica.gal), na páxina web do Concello (www.pontecesures.org) e no boletín oficial da provincia de Pontevedra (BOP), así como na Base de datos nacional de Subvencións, e realizarase difusión do mesmo a través de Bando aos efectos de garantir o coñecemento público da convocatoria..

6. REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

1. Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado na segunda etapa de educación infantil ou de ensino primario ou secundario, durante o curso escolar 2023/2024.

2. Que a unidade familiar estea empadroada no Concello de Pontecesures cunha antelación mínima dun ano, a contar dende o fin do prazo de presentación de solicitudes. Se ben estarán exentos de acreditar este período mínimo os supostos previstos no artigo 4 do Regulamento municipal das prestacións económicas específicas do Programa básico de inserción social do Concello de Pontecesures (BOP de Pontevedra n.º 122 de 27.06.2013).

3. Cursar estudos do 2º Ciclo de Educación Infantil (3-6)

4. Cursar estudos de Ensino Primario ou Secundario

5. Non percibir outras Axudas polo mesmo concepto e finalidade, de outro organismo público ou privado, cuxa suma supoña un importe igual ou superior ao dos gastos a realizar

6. Non estar incurso nas circunstancias e/ou prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

7. Atoparse ao corrente, tanto a persoa solicitante como os demais membros da unidade familiar, no cumprimento das demais obrigacións tributarias fronte á Facenda autonómica e estatal e fronte á Seguridade Social, e co Concello de Pontecesures. Neste último caso a comprobación realizarase de oficio previa autorización da persoa interesada.

8. Convivir cos/cas alumnos/as para os que se solicitan as axudas.

9. O cumprimento dos requisitos recolleitos nos apartados 2), 7) e 9) serán comprobados de oficio polo Concello de Pontecesures.

10. Que os Ingresos da Unidade Familiar de convivencia independente non superen no primeiro semestre do ano os límites económicos que se establecen no 100% SMI para dúas persoas, no 125% para 3, incrementado nun 10% SMI por cada membro adicional; a efectos do computo dos Ingresos rexerán as seguintes normas:

Os ingresos computables serán os netos, incluído o rateo das pagas extraordinarias se as houber, habidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023.

Computaranse todos os ingresos obtidos por todos os membros da Unidade familiar de convivencia, agás os obtidos con carácter finalista.

No seu caso o importe do aluguer ou o pago de créditos hipotecarios detraerase do total dos ingresos ata un máximo de 350€ mensuais.

Nº MUF

% SMI

Máximo cómputo anual

Máximo semestre

Media mensual

2

100%

15.120

7.560

1.260,00

3

125%

18.900

9.450

1.575,00

4

135%

20.412

10.206

1.701,00

5

145%

21.924

10.962

1.827,00

6

155%

23.436

11.718

1.953,00

7

165%

24.948

12.474

2.079,00

No caso de que o número de solicitudes (que cumpran os requisitos) sexa superior ao número de axudas previsto, concederanse ás solicitudes que acaden maior puntuación na baremación, tendo preferencia en caso de empate as axudas para Educación Infantil.

Os requisitos do empadroamento, a convivencia e estar ao corrente coa facenda local serán comprobados de oficio polo Concello de Pontecesures.

7. DETERMINACIÓN DA UNIDADE FAMILIAR

Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar ao 31 de decembro de 2022, considérase unidade de convivencia a todas aquelas persoas que convivan nun mesmo domicilio. Serán unidades de convivencia independentes aínda que vivan no mesmo domicilio os casos seguintes:

Cando nunha unidade existan persoas con menores a cargo.

A constituída por persoas, con ou sen fillos, que se atopen en proceso ou situación de nulidade, divorcio ou separación legal, ou de cese acreditado de relación análoga á conxugal.

Aquela unidade de convivencia independente que por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento se vexa obrigada a residir con outra.

Excepcionalmente, aqueles outros casos nos que, como consecuencia dun Proxecto de Intervención exista unha recomendación dos servizos sociais para recoñecelas como tal.

No caso de falecemento dalgún dos proxenitores que convivan co causante, acreditarase a circunstancia mediante un certificado de defunción.

Os casos de separación ou divorcio acreditaranse mediante sentenza xudicial ou convenio regulador onde conste a custodia do/a menor.

En casos especiais en que a unidade familiar non estea conformada da forma establecida no parágrafo primeiro deste artigo, deberase achegar xustificante de empadroamento en que figure o/a alumno/a por o que se solicita a axuda e todos os familiares que convivan con el, ou certificado dos servizos sociais do Concello de Pontecesures.

8. BAREMO AOS EFECTOS DE PRELACIÓN DAS SOLICITUDES

A os efectos de establecer a prelación de solicitudes aplicarase o seguinte baremo:

a) Por cada membro da Unidade Familiar en idade escolar ou cursando estudos: 2 Ptos.

b) Por cada tramo de 20€ por debaixo do límite de acumulación de recursos: 2 Ptos.

c) Por cada membro da Unidade Familiar en situación de desemprego: 5 Ptos.

d) Por outros factores sociais (RISGA, Proxectos de intervención,...) tecnicamente valorados: 5 Ptos

No caso de que no mesmo domicilio convivan outras unidades familiares e estas dispoñan de ingresos restaranse 5 puntos por cada tramo de 100€ que exceda do límite que se aplicaría de ser membros computables da unidade familiar.

9. DOCUMENTACIÓN

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como na sede electrónica municipal (pontecesures.sedelectronica.gal) e constarán dos seguintes documentos:

Solicitude segundo modelo normalizado (Anexo I) e declaración responsable (Anexo II).

DNI da/o Solicitante e membros da unidade familiar.

Libro de Familia.

Xustificante da matrícula acreditativa do curso escolar.

Xustificantes de ingresos de xaneiro a xuño do 2023 (nóminas, certificados de prestacións e/ou pensións, ...)

De ser o caso recibo do aluguer ou xustificante do pago de empréstito para adquisición da vivenda habitual.

Certificación bancaria do número de conta IBAN.

Declaración das axudas recibidas polos mesmos conceptos, segundo modelo.

Declaración responsable de atoparse ao corrente nas súas obrigas tributarias coa facenda do Estado e a da Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, e co Concello de Pontecesures, tanto a persoa solicitante como os demais membros da unidade familiar.

As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado.

10. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación oficial do extracto desta convocatoria no BOP.

11. ENMENDA DAS SOLICITUDES PRESENTADAS

De acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, para aquelas solicitudes que non estean correctamente cubertas ou non acheguen os documentos preceptivos, o Concello requirirá á persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos.

De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei.

Ademais da notificación individualizada, publicarase no taboleiro de anuncios electrónico do Concello a relación de solicitudes pendentes de emendar con indicación das deficiencias ou documentación de que carecen.

12. PROCEDEMENTO

Recibidas as solicitudes, se procederá á súa tramitación conforme ao seguinte procedemento:

Actuará como persoa instrutora do procedemento a/o persoal municipal designada/o pola Alcaldía quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para o coñecemento e comprobación das solicitudes, e en virtude dos datos que acompañan a ditas solicitudes, emitirá informe no que se estableza que da información que consta nas solicitudes despréndese que as persoas beneficiarias cumpren con todos os requisitos necesarios para acceder ás axudas. Tamén será a encargada de requirir aos solicitantes a emenda das deficiencias.

Examinadas as solicitudes pola persoa instrutora segundo os criterios, formas e prioridades establecidos nesta convocatoria elevará as mesmas a unha Comisión de Valoración integrada polo Concelleiro de Educación, Alberto Rivas de Jesús, que actuará como presidente, a Concelleira de Servizos Sociais, Concepción Gómez Figueira, ademais de dúas/dous empregadas/os do Concello, que serán a persoa instrutora, que terá as funcións de secretaria/o, e Cruz Limeres Freire. No caso de ter que variar as persoas da comisión ou de nomear suplentes, designaranse por Resolución de Alcaldía.

A secretaria recollerá en acta a proposta da Comisión de Valoración para a concesión da subvención e, de acordo con ela, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada.

No caso de que a Comisión de Valoración e o instrutor usasen datos diferentes dos achegados polos interesados, abrirase un prazo de dez días a todos os interesados para que poidan realizar alegacións, se así o estiman oportuno.

Tras examinar as alegacións presentadas polos interesados, no seu caso, o órgano instrutor formulará proposta de resolución final. De non presentarse alegacións, ou no caso de que este trámite non fose necesario conforme esta base, a proposta de resolución provisional terá o carácter de definitiva, debendo conter os seguintes datos: solicitantes para os que se propón a concesión de subvencións e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

Posteriormente, a proposta pasará á Secretaría-Intervención Municipal para que realice a fiscalización da mesma de acordo co Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

A concesión das subvencións realizarase mediante resolución da Alcaldía de acordo coas presentes bases e convocatoria. e será publicada no taboleiro de edictos electrónico e notificada ás persoas beneficiarias.

O prazo máximo para resolver o procedemento de concesión das subvencións será dun mes contado a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes para tomar parte na convocatoria.

Transcorrido o mes, a partir do día seguinte da finalización do prazo de presentación das solicitudes, sen que os interesados obteñan resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

Contra este acordo, que finaliza a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación de acordo co establecido no artigo 124.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado Contencioso Administrativo de Vigo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, conforme aos artigos 8.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, Contencioso-Administrativa.

De interpoñerse o recurso potestativo de reposición, este resolverase e notificará no prazo dun mes segundo establece o artigo 124.2 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, entendéndose desestimado o recurso de reposición polo transcurso do mencionado prazo sen resolución expresa notificada, podendo entón os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo dentro do prazo de seis meses contados desde o día seguinte a aquel en que se deba entender presuntamente desestimado o recurso de reposición interposto, de acordo co artigo 46.1 e 4 da Lei 29/1998.

O acordo de concesión non terá obrigatoriamente que distribuír a totalidade do crédito.

13. XUSTIFICACIÓN

A xustificación, que será baixo a responsabilidade da persoa declarante, deberá realizarse mediante a presentación no Concello de Pontecesures da Memoria Xustificativa (Anexo III) destas bases reguladoras, debidamente cuberto, e acompañados da documentación xustificativa dos gastos realizados.

Á memoria xustificativa achegaranse:

Facturas orixinais de compra emitidas polos establecementos correspondentes cos datos identificativos dos mesmos así como o da persoa solicitante, igualmente deberase detallar o material adquirido tanto en unidades como características e prezo coa desagregación do IVE que puidera corresponder.

Acreditación do gasto realizado, é dicir, que foi efectivamente pagado mediante:

a) Transferencia bancaria.

b) Si a forma de pago é en metálico o documento xustificativo consistirá nun recibín asinado e selaxe polo provedor no que debe especificarse a factura xustificativa do gasto a que corresponde o pago e a súa data, debaixo da firma debe aparecer o nome e número do NIF da persoa que asina recibino.

E certificado asinado pola entidade e a persoa solicitante cos datos da conta bancaria designada (Anexo IV).

A xustificación será obrigatoria para o libramento dos fondos por parte do Concello e suporá a acreditación do cumprimento do obxecto da subvención concedida.

Esta documentación xustificativa deberá ser presentada antes do 30 de xaneiro do 2024.

Este prazo poderá prorrogarse ata un máximo de cinco (5) días naturais a petición razoada da persoa solicitante, sempre que así o acorde o órgano que concedeu a subvención e se solicite antes da finalización do prazo de xustificación da subvención. O prazo prorrogado comezará a contar dende a notificación do acordo da prórroga.

Os documentos xustificativos corresponderán a gastos realizados no curso escolar 2023-2024.

No caso de que a documentación xustificativa sexa incorrecta ou insuficiente, se formulará requirimento para a subsanación, coa advertencia de que, de non proceder á enmenda no prazo máximo de dez días hábiles, se lle considerará desistido da súa petición, previa resolución conforme ao artigo 21 da LPACPA o que implicará a renuncia a axuda concedida.

Para o cobro da axuda, todos as persoas membros da unidade familiar computables, deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. Debendo presentar unha declaración responsable de acordo co establecido no artigo 24.4 do Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, conforme ao modelo normalizado destas bases.

No caso de que se xustifique un importe inferior ao 100% da axuda concedida, unicamente se abonará o importe efectivamente acreditado na xustificación.

Igualmente, se as axudas doutras Administracións Públicas son superiores ás previstas ou declaradas polo beneficiario no momento da solicitude e fan que superen, xunto coa subvención desta convocatoria, a contía total de gastos, o importe da subvención verase reducido na cantidade correspondente de maneira que o gasto non sexa superior ás axudas.

Vista a documentación xustificativa presentada, o órgano instrutor procederá á valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención. No caso de ser favorable, o Concelleiro delegado en materia de Educación elaborará unha proposta que será elevada á Secretaría-Intervención Municipal para a súa fiscalización. Finalmente, a Alcaldía resolverá informando da comprobación da realización da actividade e o cumprimento da xustificación, para proceder ao recoñecemento da obriga e ao correspondente pago.

Se non se presenta a xustificación dentro do prazo, por resolución da Alcaldía iniciarase o expediente de anulación do correspondente compromiso por revogación da concesión da subvención.

14. PAGAMENTO

O pagamento destas prestacións farase desde a Tesourería Municipal mediante ingreso en conta bancaria das persoas perceptoras, nun prazo máximo de 20 días, desde que se dite a resolución de concesión e se realice a xustificación correctamente.

15. OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

1. Seguir as directrices que marcan a convocatoria e destinar o importe da axuda na súa integridade á adquisición dos libros e demais materiais curriculares, didáctico e complementario, propios do curso académico para o cal se solicitou a axuda.

2. Cooperar coa Administración municipal en cantas actividades de inspección e verificación leven a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.

3. Comunicar ao Concello de Pontecesures todas aquelas variacións ocorridas na súa situación socio-familiar, que poidan modificar as circunstancias que motivaron a solicitude, nun prazo de 15 días.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e control financieiro que poidan realizar os órganos de control competentes, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicar ao Concello de Pontecesures a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza.

6. Acreditar que se atopa ao corrente, tanto a persoa solicitante como os demais membros da unidade familiar, no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos contemplados no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

Se a entidade beneficiaria fose debedora con motivo dunha débeda vencida, líquida e esixible, a Alcaldía, poderá acordar a compensación.

Así mesmo, non será posible efectuar ningún pago por concesións de subvencións cando transcorra o período de tempo para xustificar a aplicación de fondos sen que se cumprise este requisito.

O Concello de Pontecesures poderá en calquera momento do procedemento do expediente administrativo da subvención solicitar maior información ou verificar calquera aspecto relacionado coa solicitude subvencionada.

16. CONTROL, APLICACIÓN E REVISIÓN DAS AXUDAS

O Concello de Pontecesures poderá requirirlle á persoa solicitante cuantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispoñer que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos consignados polos peticionarios.

O Concello de Pontecesures poderá realizar, mediante os procedementos legais pertinentes, as comprobacións oportunas respecto ao destino e aplicación das subvencións, para o que, tanto as persoas beneficiarias, quedan obrigados a facilitarlles canta información lles sexa requirida.

De conformidade co disposto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, a concesión das bolsas para a adquisición de material escolar que se conceden con base na concorrencia dunha determinada situación no perceptor ou perceptora non requirirá outra xustificación que a acreditación previa á concesión de que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos intereses de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, e especialmente no caso de que se detectase que o importe recibido non fose empregado na adquisición dos libros de texto e materiais obxecto desta convocatoria.

17. CANCELACIÓN

Poderán ser canceladas as axudas a aqueles beneficiarios que incumpran, oculten, terxiversen ou falseen algún dos datos e dos requisitos esenciais que figuran nestas bases e convocatoria, mediante resolución do órgano competente

18. DEVOLUCIÓN E REINTEGRO

As axudas concedidas deberán devolverse ou reintegrarse nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención sen reunir as condicións requiridas para a súa concesión.

b) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

c) Demais supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia (LSG).

19. EXTINCIÓN DAS AXUDAS CONCEDIDAS

Serán causas de extinción da axuda concedida:

O falseamento ou ocultación de datos para obter ou conservar o dereito á axuda.

A desaparición das circunstancias que deran orixe á súa concesión

A Baixa no Padrón Municipal de Habitantes

A non presentación de facturas ou documentación xustificativa, no prazo establecido

No seu caso, o cumprimento do prazo da duración da prestación económica.

O Falecemento da persoa beneficiaria.

20. INTERPRETACIÓN

Calquera dúbida que puidese xurdir ao redor da interpretación destas bases e convocatoria será resolta pola Alcaldía do Concello de Pontecesures.

21. PROTECCIÓN DE DATOS

De conformidade co establecido na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais e a súa normativa de desenvolvemento e ao Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como das disposicións en materia de Protección de Datos que se atopen vixentes durante o período de vixencia destas bases, informámoslle de que este Concello é o responsable do tratamento e custodia dos datos presentados na instancia e na documentación que lle acompaña. A finalidade do tratamento dos datos é a xestión deste procedemento. A lexitimación para tratar estes datos deriva das presentes bases.

As persoas solicitantes interesadas autorizan a cesión dos datos á Base Nacional de Subvencións dependente da Intervención Xeral da Administración do Estado.

Os datos persoais non serán comunicados a un terceiro, a non ser que deban facilitarse en cumprimento dunha obrigación legal.

Os datos serán conservados o tempo necesario para poder levar a cabo o rexistro e as accións para as que se lle solicitaron.

Pode retirar o consentimento, no caso de que o outorgase, en calquera momento, podendo exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación, oposición e portabilidade, cando este último legalmente proceda, enviando unha comunicación á dirección electrónica: concello@pontecesures.org.

Infórmaselle do dereito para presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos C/ Jorge Juan, 6, 28001 Madrid (www.agpd.es).

Os datos persoais publicados serán exclusivamente os necesarios para o fin do tratamento.

Con todo, non se publicarán as subvencións ou axudas públicas concedidas a persoas físicas cando:

a) A información contida na BDNS ou o propio obxecto da convocatoria proporcione información ou datos especialmente protexidos das persoas beneficiarias ou relativos ás categorías especiais de datos relacionados nos artigos 9 e 10 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

b) A persoa física atópase nunha situación de protección especial que poida verse agravada coa cesión ou publicación dos seus datos persoais, en particular, cando sexa vítima de violencia de xénero ou doutras formas de violencia contra a muller.

Todo elo nos termos do artigo 7.5 do Real Decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de Datos Nacional de Subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

Así mesmo, de conformidade co establecido na letra d) do apartado 2 do artigo 15 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, os interesados poderán facer constar na súa solicitude o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando a publicación dos datos do beneficiario en razón do obxecto da subvención poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de Protección civil de dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, e sexa previsto na súa normativa reguladora.

22. PUBLICIDADE DO PROCEDEMENTO DA CONCESIÓN DA SUBVENCIÓN DAS BASES E CONVOCATORIA. TRANSPARENCIA E BO GOBERNO

Procederase á publicación da relación das entidades beneficiadas e o importe das axudas concedidas no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro electrónico de Anuncios do Concello e na base de datos nacional de subvencións. En todo caso, o acordo de concesión será exposto polo prazo de 30 días no Taboleiro electrónico de Anuncios do Concello onde se recollerá a convocatoria, o crédito orzamentario, os beneficiarios, a cantidade concedida a finalidade ou finalidades da subvención.

Igualmente, será obxecto de publicación na base de datos nacional de subvencións, de acordo co artigo 20.5 da lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e o artigo 4 do Real Decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de Datos Nacional de Subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

23. RECURSOS CONTRA ESTAS BASES E CONVOCATORIA

Contra esta convocatoria e as resolucións administrativas que se adoptan na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición diante do órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro mes sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo diante do Xulgado do Contencioso Administrativo tal como prevé o artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, no prazo de dous meses. Os prazos contaranse a partir do día seguinte da publicación. Contra a resolución individual poderán interpoñerse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da resolución no taboleiro de anuncios do Concello.

Pontecesures, 10/10/2023

Mª Teresa Tocino Barreiro, Alcaldesa do Concello de Pontecesures

 

 

 


 



SEDE ELECTRÓNICA

Perfil de Contratante

Rueiro de Pontecesures

Galería de Imaxes

Selección de persoal

Impresos e formularios

Feria do Automóbil

Piscina Municipal

Carreira popular

Traslatio Xacobea

Biblioteca municipal

ORAL PONTEVEDRA

ORDENANZAS MUNICIPAIS

Periodo medio de pago a proveedores.

CONSELLO DE CONTAS

MERCADO MUNICIPAL

Guía de Servizos do Concello

RUTA PANTALÁN - ALBERGUE DE PEREGRINOS  (PONTECESURES).

Urbanismo e Plan Xeral de Ordenación Muncipal

UNIÓN EUROPEA

INFORMACIÓN PARQUE EMPRESARIAL

MAPA PUNTOS DE SEGURIDADE CON FORMACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL
 

(C) Concello de Pontecesures       + + +       aviso legal       + + +       Deseño e Programación: @inet Consulting